O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora da competividade industrial a través dos orzamentos para o ano 2018 que inclúen novos programas que integrarán a dixitalización nas pemes galegas. O conselleiro asistiu á xornada Tendencias sectoriais e retos comúns na industria galega, organizada en Vigo polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia en colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta, a través do Igape.
O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de actualizar unha das solucións libres que ofrece para que empresas e usuarios poidan probar de xeito gratuíto. Trátase da solución de almacenamento e compartición de ficheiros na nube que pasa a estar baseada na solución NextCloud.
Os dinamizadores das aulas CeMIT dos concellos de Cerceda, Cuntis, Fisterra, Oroso, Ortigueira e Santa Comba participarán este mércores e xoves, 8 e 9 de novembro, no Encontro de Dinamizadores de Redes de Telecentros “Changemakers: Dinamizadores do cambio”. Estas xornadas están organizadas pola Asociación Comunidade de Redes de Telecentros de España, da que a Rede CeMIT de Galicia é membro.
A transformación dixital converteu a ciberseguridade nun elemento inherente ao funcionamento de empresas e institucións, que precisan perfís cun alto grao de especialización para implementar os seus plans de seguridade. Estes e outros retos neste eido centran a xornada Intelixencia e Ciberseguridade, que se celebra hoxe na Coruña e en cuxa inauguración participaron a directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a autorización no Consello da Xunta da contratación da segunda fase das obras da Cidade da Xustiza de Vigo e prevé un prazo de execución de 21 meses.
Esta obra, que suporá unha importante mellora para os profesionais e usuarios da Xustiza en Vigo, agrupará nun mesmo espazo as 35 unidades xudiciais da cidade; con espazo para futuras ampliacións de ata 22 unidades máis; e facilitando en gran medida o traballo dos profesionais, con 36.000 metros cadrados de instalacións modernas para desenvolver o seu traballo.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) seleccionou como gañador da primeira edición do Premio Son Dixital o traballo realizado polos diferentes integrantes da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, dentro da iniciativa InnovaNarón, liderada desde a aula CeMIT deste Concello, no marco do proxecto CeMIT-Innova.
A Xunta vén de actualizar o servizo de tradución Gaio, que incorpora tres vocabularios personalizados diferentes: o xeral, o administrativo con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas, e o xurídico con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. É unha das novidades da nova versión deste portal, que posibilita a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, reforza os servizos ligados a grandes volumes de datos do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) cun novo servidor de 1,54 millóns de xigabites.
A Xunta abriu esta semana unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para definir os servizos e solucións que permitan estender a teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade.